Thursday 25 de April de 2024

Retómase a cuarta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia


Despois de que no mes de abril fose preciso adiar a cuarta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia dada a situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 que atravesaba A Pobra do Caramiñal por aquelas datas, o programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dirixido a veciñanza maior de 50 anos retómase na vindeira semana en colaboración coa Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).

Esta convocatoria focalizarase nas temáticas da astronomía, do patrimonio industrial e da música clásica galega. Cada unha delas constará dunha sesión teórica e outra práctica da man de persoal docente vencellado ao referido proxecto.

Comezará no 22 de setembro co coloquio O sistema solar e a Vía Láctea, a cargo de José Ramón González Vidal e Pedro Pablo Campo Díaz. Regresarán no día 24 cunha observación astronómica nocturna.

José Manuel Vázquez Lijó impartirá no día 23 o seminario Revisando a historia dende unha perspectiva local: o patrimonio industrial e as memorias da experiencia laboral no estudo da modernización das vilas costeiras de Galicia nos séculos XIX e XX, que se complementará no día 30 cunha visita ao Museo Anfaco da Conserva, en Vigo.

E no día 27 será a quenda de Laura Touriñán Morandeira con Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881). Un capítulo único da nosa Historia de Galicia e da nosa Historia da Música Clásica Galega que terá continuidade na xornada seguinte.

As prazas xa están completas. A parte teórica desenvolverase en horario de 16.30 a 18.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán. No transcurso do ciclo seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.